Se hai un lugar en Vedra que fusione natureza, tradición e modernidade é o Couto de Ximonde. Nada máis chegar, o son da auga faise presente caendo con forza pola presa de 110 metros de lonxitude, que no seu día foi unha pesqueira, ademais de presa do antigo muíño do Condes de Ximonde.
No antigo muíño localízase a Estación Ictiolóxica de Ximonde, un centro de investigación pioneiro, onde, dende hai máis de 20 anos traballan para repoboar o río Ulla de salmóns, e doutras especies como o mexillón de río. E que ademais se pode visitar con cita previa, enviando un email a casadospeons@concellodevedra.gal.
Deixando atrás o muíño, atopámosmos cos postos de pescadores, pequenos peiraos que se meten no río, onde se colocaban os pescadores para pillar o mellor salmón.
Se continuamos paseando tropezamos ca ponte de Ximonde, que intenta pasar desapercibida escondéndose entre as árbores. Deseñada, non só para ter o menor impacto visual, senón tamén, ambiental. Ten 55 metros de lonxitude e usa un sistema de atirantamentos que evita o uso de piares no medio do curso do río, co obxectivo de non prexudicar o hábitat natural e de evitar a súa destrución en futuras riadas.