Xa pasaron moitos anos dende o 1817, ano no que se inventou a primeira bicicleta, que era de madeira. Pero moitas das corredoiras transitadas naquela época non cambiaron e a Ruta BTT de Vedra permítenos coñecer algúns deses camiños, permítenos coñecer o corazón de Vedra.
Hai dúas opcións:
A Sección A: para aqueles ciclistas máis experimentados, ten 35 quilómetros e lévanos pola parte sur do Concello. Durante este percorrido pedaleamos ao carón do río Ulla, desfrutando da natureza, por antigos pasos de pescadores que nos levan ata Agronovo ou Ximonde. Pero, tamén, visitamos lugares tan emblemáticos como a Ponte de Gundián, Ponte Ulla, os muíños de Vilanova ou a fonte do Santiaguiño.
A Sección B: de 16 quilómetros guíanos pola parte Norte do Concello onde coñecemos o río Pereiro, moito máis cativo que o Ulla, pero non por iso menos fermoso. Na contorna da Capela de Santa Isabel podemos calmar a nosa sede ca súas augas milagreiras e polo camiño tropezámosnos con algún que outro muíño.
Ambas seccións teñen unha dificultade media e son perfectas para facer en calquera época do ano, sorte que agora as bicicletas xa non son de madeira e podemos aventurarnos polo monte e coñecer os recunchos máis escondidos.