Se nos días anteriores coñecinos a parte sur do concello, a que baña o río Ulla, é tempo de coñecer o Norte, e o imos facer camiñando pola Ruta do Pereiro-Sales. Un paseo circular de 19 km que nos leva pola beira do río Pereiro.
Desfrutar da natureza con calma e sen présas é sen dúbida algunha o maior atractivo desta ruta, pero o longo do camiño atopámonos, non só cas árbores propias de primeira liña como salgueiros, senón cos restos da historia do concello como os muíños que nos recordan a importancia do pan na alimentación dos galegos e do traballo comunitario para a supervivencia.
Continuamos paseando ata chegar a Fervenza do Pereiro, moito antes de chegar xa podemos escoitar o son da auga caer con forza, a pesar de que levamos apenas unha hora camiñando, hai que pararse cinco minutos a contemplar esta paisaxe espectacular.
Pronto chegamos a Capela de Santa Isabel, capela que se esconde entre os carballos, como se non se quixera deixar ver, non nos podemos marchar sen beber das augas da súa fonte milagreira, por se acaso.
A seguinte parada é Ponte Busacos, ponte de orixe romana, pola que pasaba a IV Vía Romana, as pedras desta ponte cargan o peso de máis de 2000 anos de historia, vale a pena sentarse un anaco e preguntarse cantos romanos cruzarían esta ponte.
Quédanos máis ou menos hora e media de camiñata ata chegar ao Muíño de Novais, muíño restaurado rodeado de carballos, que é o lugar perfecto para merendar e coller forzas.
Tropezamos ca Casa do Sol, casa grande na que se aloxou o Xeneral Solís antes da Batalla de Cacheiras, na súa adega faise un albariño exquisito.
Xa só queda o último sprint antes de chegar ao punto de inicio e o facemos paseando con calma polos montes de Sales.