Comezamos a 90 metros de altura no Miradoiro de Gundián contemplando o camiño que nos espera. 12 quilómetros paseando pola beira do río Ulla baixo a sombra das árbores, co son da auga marcando o noso paso.

Deixamos atrás a ponte de Gundián e os monxes do antigo mosteiro de San Xoán da Cova, do que hoxe non se conserva máis que o topónimo e un montón de lendas que dan nome a esta ruta. Chegamos a vila de Ponte Ulla tropezando co románico na súa igrexa, que nos recorda a súa orixe medieval. Pode que nos atopemos con algún peregrino cansado, pero nos non seguimos as frechas amarelas senón o curso do río Ulla.

Continuamos paso a paso, e o sendeiro lévanos ata unha antiga maquía, non fai tantos anos que a forza do río Ulla facía mover cinco moas neste muíño.

E pronto un merecido descanso na Área Recreativa de Agronovo, lugar perfecto para contemplar a natureza e merendar, se hai sorte o mellor tropezamos con algún bicho: como unha londra, un martiño peixeiro ou unha píntega, nunca se sabe.

O río Ulla segue o seu camiño e nos tamén, ata Ximonde, un dos coutos de salmón máis importantes de Galicia, onde se atopa o Estación ictiolóxica de Cría e Reprodución do Salmón, un centro de estudo pioneiro dende fai máis de 20 anos, quizais este si que sexa o sitio perfecto para contemplar animais como o salmón.

Xa case estamos, xa case chegamos a Cubelas, punto final da ruta, o lugar perfecto para o merecido descanso.