Ruta de orixe medieval que discorría dende o Norte de Portugal ata Santiago. Por ela pasaron arrieiros cargados con milleiros de litros de viño que entraban na cidade do apóstolo pola Porta de Mazarelos, e enchían a vila de alegría, xa que se había un viño que era moi prezado polo cabido compostelá era o viño do Ribeiro, e se había un viño que se consumía nas tabernas era o da Ulla.
Pero este camiño non só foi unha ruta comercial, tamén foi un ruta de peregrinación, unha alternativa ao camiño tradicional Portugués, curioso que ao final, tódolos camiños leven a Santiago e non a Roma.
Está ruta entra no Concello de Vedra pola Ponte de Sarandón, ponte que foi construída no ano 1931, despois de máis de 200 anos sen ponte, nos que os peregrinos tiñan que cruzar o río en barca. O camiño continua ata chegar ata o Pazo de Ximonde, hoxe en día convertido na Adega Barallobre, xa non hai arrieiros que pasen por esta ruta pero o viño segue sendo parte do camiño. O camiño únese ca antiga Vía da Prata en Lestedo ata a súa chegada a Santiago.