A Vía da Prata era a antiga vía romana que unía Mérida con Astorga, o curioso é que o seu nome non ten nada que ver ca explotación ou o comercio do mineral que todos levamos nas nosas xoias. Prata ven de Bal´latta, palabra de orixe musulmá que usaban para designar a esa estrada ampla e ben empedrada que deixaron os romanos.

A Vía da Prata entra en Vedra por Gundián, onde os peregrinos poden descansar na área recreativa de Gundián a sombra dos carballos e contemplar a súa fermosa capela.

A seguinte parada é Ponte Ulla, unha pequena vila, na que podemos adiviñar a súa orixe medieval: nas súas rúas pequenas e estreitas e na súa igrexa con ábsida e canzorros do século XII.

Queda unha dura subida de 4 quilómetros, pero ten recompensa: a fonte do Santiaguiño, lugar perfecto para descansar e calmar a sede, e tamén, o lugar perfecto para durmir, xa que ao carón da fonte está o Albergue da Xunta de Galicia.

Xa só quedan 16 quilómetros ata Santiago, xa case se pode ulir o incenso do Botafumeiro.