Foron miles os veciños de Vedra que emigraron a Arxentina buscando unha vida mellor, buscando novas oportunidades e cun montón de soños por cumprir. Pero a pesar do reto que supuxo unha vida nova nunca deixaron de mirar cara a súa terra, de preocuparse por todo aquelo que deixaron atrás.

Esa constante mirada cara Galicia deixou a súa pegada en cada recuncho de Vedra. O Roteiro da Emigración lévanos polas escolas, polos camiños, pontes e cemiterios, por todas aquelas construcións promovidas polas Sociedades de Emigrantes de Vedra en Bos Aires, obras construídas co aforrado alén mar, obras construídas co amor pola terra.